19 abr 2012

23 de abril - Día do Libro

A Biblioteca do Ies de Mos organiza para o día 23 de abril unha mostra de libros curiosos e especiais. A mostra fíxose coa colaboración do profesorado, que trouxo algúns exemplares cos que ten un vínculo especial ou que lles resultan sorprendentes por algún motivo concreto.

Hoxe o alumnado de Diversificación estivo axudando cos carteis para montar a exposición e no segundo recreo xa tivemos moitos visitantes. A iniciativa está resultando exitosa.

Agora déixovos neste libro virtual as imaxes e fichas dos libros que forman a mostra para que poidades compartir connosco un libro e viaxar por eses mundos máxicos que nos ofrecen sen ter que soportar máis ringleiras que a que forman as súas palabras nin máis atrancos que o de dispor duns minutos de lecer.

18 abr 2012

Lendo Enrugas



Este mércores pola tarde Ana Fidalgo coordinou a reunión do
club de lectura Lemos, onde os lectores/as puideron 

intercambiar as impresións que lles produciu a lectura de 

Enrugas, o cómic de Paco Roca, gañador dos Goya.




Estas son algunhas das impresións que nos deixou o libro.

Xosefa
O que máis me gustou do libro foi a historia da velliña que ía gardando todo tipo de cousas para ter algo con que agasallar ao seu neto cando ía vela. Pareceume moi tenro.

Bieito
O libro non me gustou nada por varios motivos. Podo comezar dicindo que o tipo de historia que conta o autor é como se non encaixase co formato de conto e, por suposto, creo que gañaría moito dándolle forma de novela. Isto é, estamos diante das bases dunha posible novela.
Tampouco me gustaron moito os debuxos. Parécenme plamos, sen vida, sen expresión. Quizais a falta de contextualización da historia contribúa a este feito.

Loli Cid
O libro non me gustou moito se teño en conta a historia tan triste e real que conta. Cando leo un libro sempre me gusta viaxar a mundos máxicos e a viaxe a unha realidade que a cotío vexo no lugar que vivo magóame bastante.
Quero destacar  da introdución a frase de agradecemento do autor que di: "a Juanjo, o enfermeiro con "rastras", que  con tanto agarimo trataba os anciáns". Paréceme que así o autor desbota a idea de que as primeiras impresións enganan.
Logo chámame a atención o Miguel, ese personaxe duro que di non querer a ninguén na súa vida para non sufrir; mesmo é un chisco rapiñeiro e aprovéitase dos seus compañeiros roubándolles cartos disimuladamente. Con todo, ao final acaba amosando un enorme cariño por Emilio, o protagonista da historia, a quen axuda a vestirse e amañarse para que os enfermeiros non descubran o rápido que abanza a súa enfermidade. Quizais lle axude tamén porque teme á soidade, a que pouco a pouco todos van subindo ao andar de arriba e a que o seguinte pode ser el.
Para rematar podo dicir que o máis impactante para min foi o debuxo da cara de Miguel sen expresión para reflexar a perda de memoria de Miguel. A tristeza de que non te recoñeza o mellor amigo ou o familiar máis próximo ten que ser durísimo e esta imaxe é moi significativa.


Agora gozade co vídeo



LENDO DRAGAL II


Este mércores Susana Casal coordinou a reunión de HdL na que os lectores/as intercambiaron impresións sobre a segunda entrega de Elena Gallego, Dragal II. 


E isto é o que nos pareceu o libro.

Tomás Collazo, 1º ESO B

Pareceume un libro estupendo, moi interesante. O que máis me gustou foi a fantasía que envolve a historia.

Adrian Silveira, 1º ESO B

Gustoume moitísimo porque dende o primeiro momento estiven capturado pola lectura  sen decatarme de que pasaran dúas horas.
Agardo que teñamos pronto a terceira entrega.

Anxo Cabaleiro, 2º ESO C
A autora creceu moito en vocabulario e consegue crear máis misterio nesta segunda novela. 
Debido ao final tan intrigante desexaría ler xa a terceira entrega.



13 abr 2012

Fauna máxica de Galicia

Como narrador de posguerra Cunqueiro foi o encargado de introducir ao alumnado nun bosque moi especial no que habitan animais non menos especiais coma o Gatipedro.

O alumnado de 4º da ESO tiña unha tarefa fundamental este curso. Debido aos grandes lumes do verán e de comezos de ano moitos destes seres desapareceron. Pero non vos preocupedes que fixeron unha longa viaxe na procura de novos animaliños que garanten que a máxia siga habitando nos bosques galegos.